Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta de Goberno Local autoriza dous novos proxectos do convenio con Augas de Galicia por 2,8 millóns de euros


A reforma da ponte da rúa do Sol, que implicará a demolición dun edificio municipal, e a mellora hidráulica do Anllóns na Cepeira foron aprobadas hoxe

A Xunta de Goberno Local leva aprobados este mes tres dos proxectos incluídos no convenio con Augas de Galicia para reducir o risco de inundación no Anllóns. Na sesión do día 10 deuse o visto bo á reforma da ponte de Isabel II, na rúa Fomento, que ten un orzamento de 1.949.461,88 euros, e hoxe foron autorizadas a mellora hidráulica do río Anllóns na Cepeira e a reforma da ponte da rúa do Sol, que suporán outros 2,8 millóns de euros. As obras serán executadas en todos os casos polo ente autónomo da Xunta de Galicia, e o Concello de Carballo comprométese a asumir a posta en servizo, explotación, mantemento e conservación das novas infraestruturas hidráulicas unha vez rematadas as obras.

Por unha banda acometerase a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na zona da Cepeira (Sísamo). O orzamento desta actuación é de 1.241.219,80 euros, segundo o proxecto presentado por Augas de Galicia, que agora será sometido a información pública para que as persoas afectadas poidan presentar alegacións, se o estiman oportuno.

O outro proxecto aprobado hoxe implica a demolición dun edificio de propiedade municipal situado na rúa Sol, que xa no seu día fora adquirido polo Concello de Carballo polo sistema de permuta precisamente co obxectivo de liberar a canle do Anllóns para reducir o risco de inundación. Esa actuación acometerase agora dentro do convenio con Augas de Galicia, e inclúe tamén a reforma da ponte e a creación dunha canle de augas altas na mesma rúa Sol. O orzamento neste caso é de 1.594.905,39 euros. O proxecto tamén se someterá agora a información pública.

O acordo entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo, que achega en todos os casos os terreos necesarios para a execución das obras, inclúe outras dúas actuacións: a reforma integral do parque de San Martiño, que saíu a licitación por 336.000 euros e que está pendente de adxudicación (presentáronse catro empresas), e a realización dun by-pass no Muíño do Quinto, por 282.000 euros, para a cal está en licitación aínda a asistencia técnica para a elaboración do proxecto. As obras, que suman en total algo máis de cinco millóns de euros, son co-financiadas nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e deben estar rematadas no ano 2023.